DE LAIGLESIA
Laiglesia y González de Peredo, Juan Fernando de
( Madrid, 23 de mayo de 1946 )
Biografía
De Laiglesia formouse en Humanidades e Belas Artes entre Lima e Madrid. Doutorouse en Filosofía na Universidade Complutense cunha tese sobre a experiencia estética a finais dos anos 70. Desde 1975 ata comezos da década dos 90 foi profesor dese centro, para posteriormente, en 1991, obter a cátedra de escultura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Actualmente é profesor emérito da Universidade de Vigo. Así mesmo, foi docente en diferentes másteres en oito universidades, participou en varios grupos de investigación a nivel internacional e escribiu un abundante corpus teórico sobre teoría e práctica da arte.
Paralelamente, compaxinou o seu labor docente co creativo. Adquiriu a súa formación na Escola de Belas Artes de Madrid e nos obradoiros de Eduardo Capa, onde aprendeu a técnica da fundición á cera perdida. Ao longo da súa carreira como escultor participou en múltiples exposicións individuais e colectivas, tanto a nivel nacional coma internacional, ademais de colaborar con diversas publicacións e organizar coloquios e encontros con artistas. Así mantivo un intenso contacto con colegas como Caruncho, Labra, Leiro ou Paz.
De Laiglesia, como escultor, interesouse por “codificar la metáfora” de xeito que empregou materiais ou obxectos moitas veces de refugallo e achegou ao resultado final certo estilo surrealista, xa que aborda as pezas desde un punto de vista pouco convencional. O imaxinario deste autor sempre tivo un peso moi especial nas súas creacións e achegou un concepto estético que fomenta a implicación do espectador.
A obra Auditorio para oír dúas óperas á vez, datada en 1999, recrea a pequena escala un escenario dobre dividido por unha escalinata central. Nos laterais dos escenarios apóianse unhas molduras que evocan a forma de dúas orellas, xogando coas escalas de vocación arquitectónica e cunha linguaxe experimental que permite diversas asociacións semánticas, a través do xogo da imaxinación. Isto refórzase coa liberdade absoluta coa que emprega os materiais cos que traballa, neste caso xeso e madeira.
Bibliografía
J. F. de Laiglesia: Las habitaciones del héroe. Pontevedra, 1999.
J. F. de Laiglesia: Escultura y gerundio. En "Pensar, habitar, construir". Pontevedra, Diputación 1993.
J. F. de Laiglesia: Escultura gallega como esfuerzo adverbial. Vigo. Museo de Castrelos, 1997.
J. F. De Laiglesia: Las habitaciones del héroe. Pontevedra, 1999.
J. F. De Laiglesia: Escultura y gerundio. En “Pensar, habitar, construír”. Pontevedra, Deputación 1993.
F. J. de Laiglesia: Escultura gallega como esfuerzo adverbial. Vigo. Museo de Castrelos, 1997.
VV.AA. “Las habitaciones del héroe” Sargadelos, 1999, con la obra reproducida.