Comentarios
A ría de Pontevedra, coa vista da Illa de Ons ó fondo, convértese no enclave idóneo para transmitir a paixón do autor polo mar, plasmándoo agresivo, vivo, con identidade.
A sensación de masa de auga, de natureza dinámica que o inunda todo intúese nunha composición onde é difícil establecer unha liña límite entre o ceo e o océano. As formas nacen do pincel e da selección cromática que transmite o sobresalto de mar encrechado.
A cor verde-azulada imponse como un ton imposible, froito da superposición de tonalidades, da fusión de verdes e azuis, gamas frías que contrastan coa cálida tinta agranatada do penedo.
O branco adquire un papel primordial porque non é un elemento pasivo senón que actúa, eríxese en protagonista ó conferirlle á mariña un aspecto embravecido, ó expresar con exactitude a violencia da auga pegando contra as rochas, conseguindo que os verdes queden suspendidos para dar paso á escuma branca, densa, obtida mediante o emprego de gouache. A continua investigación técnica e a incansable curiosidade de Rafael Alonso en todo tipo de innovacións plásticas permítelle dominar unha pincelada desordenada, entolecida, que logra captar a brevidade dun instante e reproducir a expiración de miles de gotas de auga.