A súa vocación artística lévalle a estudar a carreira de Belas Artes, entre os anos 1990 e 1995, na Universidade de Vigo, onde se licencia nun primeiro momento na especialidade de Escultura e dous anos despois na de Pintura. A súa etapa formativa prosegue cos cursos de doutoramento que realiza ata 1998. Así mesmo, participa no II Taller de Arte Actual de Unión Fenosa impartido polo pintor abstracto madrileño Lucio Muñoz na Coruña. Inicia a súa actividade expositiva en mostras colectivas, en concreto no certame Novos Valores de 1992 convocado pola Deputación de Pontevedra, e de maneira individual na Galería Bacelos da súa cidade natal uns anos máis tarde; participou en mostras tanto individuais como colectivas en destacadas cidades galegas como Vigo, Lugo, Ourense ou Santiago de Compostela, así como no resto de España, en Madrid, Cádiz, Málaga ou Barcelona, e en Portugal, no Porto e Lisboa. Cabe destacar a súa presenza en numerosas edicións da feira de arte contemporánea madrileña ARCO. A súa obra forma parte de renombradas coleccións como a do CGAC, Museo Patio Herreriano de Valladolid, Deputación de Pontevedra, Coca-Cola ou a da Universidade de Vigo, entre outras, así como de diversas coleccións particulares. Tamén realizou a ilustración de libros como Diario de Ana Frank (2004). Desde o ano 2009, compaxina a súa faceta artística co seu labor docente na Facultade de Belas Artes da universidade viguesa.
O concepto resulta fundamental no traballo deste artista plástico, cuxo principal medio de expresión é a fotografía ─a pesar de afirmar que non é fotógrafo─, en branco e negro, aínda que sempre evidencia un forte vínculo coa pintura e a escultura. A través do medio fotográfico explora a arquitectura, a natureza, e o corpo en especial, co foco posto no cotián e as emocións asociadas. As súas imaxes son sinxelas e realistas, renega de floreos e posúe cunha gran capacidade suxestiva e metafórica, en ocasións con certas doses de surrealismo.
A obra fotográfica que figura na Colección Afundación, datada en 2003, pertence á súa serie Faros, na que retrata a modo de colección e baixo o mesmo formato (120 x 120 cm e en branco e negro) os principais faros da costa galega excepción do de Estaca de Bares. Cun tratamento análogo entre elas, caracterizado por unha mirada frontal, neutra que pode evocar as formulacións de Bern e Hilla Becher preséntanos as diferentes tipoloxías de faros que poboan o noso litoral. A nivel técnico, mantense ligado a técnicas analóxicas e manuais de laboratorio. Son imaxes espidas que posúen un forte sentido escultórico, presente en toda a produción do autor, que rezuman soidade cun punto de vista simbólico, emocional, e romántico. A imaxe que nos ocupa, correspóndese co faro de Punta Subrido en Hio (Pontevedra), moi similar ao faro de cabo Home. Trátase dunha fotografía de formato cadrado en branco e negro que capta o impoñente faro, deserto, sen rastro humano algún, que se erixe na natural contorna como unha peza monumental, imaxe que reforza a través dun punto de vista baixo, coa luz como factor esencial na súa expresividade.
ANDRÉS Pinal (catálogo), Galería Bacelos, Vigo, 1999.
A MARES: olladas oceánicas na arte contemporánea, Museo do Mar de Galicia, Vigo, 2003.
ARTE en Pontevedra. Deputación Provincial, Pontevedra, 2003.
CASTRO, A.: Os anos noventa, Edic. Hércules, A Coruña, 1999.
COLECCIÓN CGAC, Centro Cultural Torrente Ballester, Xunta de Galicia, A Coruña, 2002.
COUTO, X.: Andrés Pinal. Diario de Ana Frank, Galería Barcelos, Vigo, 2003.
DISTANCIA crítica, CGAC, Santiago de Compostela, 2008.
FERNÁNDEZ CID, M.: O lugar dende o que miran. Figuracións dende Galicia, Santiago de Compostela, 2003.
UNHA película de pel, Galería Marisa Marimón, Ourense, 2001.
XOGO de escalas, COAG, Santiago de Compostela, 2003.